23 de nov. de 2016

Bisa Bea, Bisa Bel

Bisa Bea, Bisa Bel,  da escritora brasileira Ana María Machado e publicado en galego pola editorial Galaxia, con tradución de Ramón Nicolás, foi o libro elixido para inaugurar os encontros do Club de lectura en familia o día 22 de novembro.
A elección  da obra non foi casual.  Isabel, a rapaza protagonista, está nunha idade de transformación,  

con incertezas, contradicións e esforzos por crear a súa propia personalidade.
As "conversas" da rapaza coa súa bisavoa fan que sexa unha lectura interesante para xente nova e para adultos; a responsabilidade que cada persoa debe asumir dentro da familia tamén é un tema de reflexión para calquera idade.
Para este primeiro encontro propúxose un guión mínimo que consistía en que cada participante fixese unha valoración xeral do libro e escollese un fragmento breve para ler en voz alta. A partir da lectura individual as intervencións serían espontáneas.

O resultado foi moi satisfactorio:
Todas as persoas participantes coincidiron en valorar moi positivamente a obra.
Facilitou o coñecemento entre o grupo, por exemplo, na elección individual, houbo  máis coincidencias entre os adultos que entre o alumnado que seleccionou fragmentos moi diferentes. Esta variedade permitiunos analizar os distintos aspectos do libro.
Especialmente interesantes foron as intervencións de Francisco sobre a linguaxe dos compañeiros de clase da protagonista, ou de Kenyara sobre a forma de comunicación de Isabel con Bisa Bea.
Conmoveu a todo o grupo a emoción de María pola relación entre  a lectura e a súa experiencia persoal.
Impresionante a preparación de Sara con anotacións, resumos, marcadores, etc., como se poden ver nas dúas imaxes finais. Toda unha profesional!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.